Saturday 04 de May de 2024

A Xunta entrega material para a loita fronte a vespa velutina aos Concellos de Lousame, Pobra do Caramiñal e Rianxo


A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias facilitou esta mañá tres pértegas ás agrupacións de Protección Civil dos tres municipios do Barbanza

A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, entregou tres pértega aos concellos de Lousame, Rianxo e Pobra do Caramiñal destinadas á loita fronte a Vespa velutina. Unhas pértegas de 27 metros de lonxitude que Medio Rural está a distribuír este ano entre os concellos que colaboran no Plan de Vixilancia e Control da Vespa Velutina.

O acto de entrega tivo lugar no concello de Lousame, no que participaron os alcaldes dos tres municipios: Teresa Villaverde (Lousame), Adolfo Muíños (Rianxo) e Xosé Lois Piñeiro (Pobra do Caramiñal), quen estiveron acompañados por efectivos de Protección Civil de Lousame e polos concelleiros responsables de Protección Civil en Lousame, Ramón Martínez, e Pobra, Miguel Alamancos.

Belén do Campo salientou que “imos ter que aprender a vivir coa vespa velutina, xa que é unha especie moi difícil de extinguir” pero apuntou que dende a Administración Autonómica “temos que poñer medios para que non representen un risco sobre as persoas e tampouco para a apicultura, que é un sector produtivo moi importante na nosa comunidade, cunha indicación xeográfica protexida como Mel de Galicia”.

Un punto no que coincidiu a alcaldesa Teresa Villaverde, quen agradeceu a achega de material por parte da Consellería de Medio Rural xa que “ademais de dar unha solución a un problema que xerou unha importante alarma social entre a veciñanza, será especialmente útil para evitar os danos que esta especie ocasiona na poboación de abella e nas persoas que contan con colmeas en Lousame”. Villaverde Pais aproveitou tamén para agradecer o traballo que levan a cabo os voluntarios de Protección Civil, non só no caso das vespas senón noutros moitos temas do día a día do municipio.

Cifras

Belén do Campo salientou que nestes meses “é o momento para actuar, porque están as novas raíñas en movemento e se crean os niños primarios, que son máis doados de localizar e de retirar porque están a menor altura cos outros”. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Medio Rural vai repartir un total de 77 pértegas entre os anos 2016 e 2017, co fin de minimizar a presenza deste insecto en Galicia.

Ademais da entrega deste material, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está distribuíndo un total de 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturar as raíñas que saen da hibernación e impedir así a formación de novos niños. Estas trampas complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas aos apicultores nos anos 2015 e 2016.

Segundo os datos oficiais, no ano 2016 retiráronse ou inactiváronse, a través do operativo conxunto establecido pola Xunta de Galicia e os concellos colaboradores, un total de 10.272 niños en Galicia. No Plan de vixilancia e control desta especie invasora, colaboran actualmente coa Xunta -a través do seu propio persoal- un total de 100 concellos: 40 da provincia da Coruña, 17 de Lugo, 19 de Ourense e 24 de Pontevedra, sendo o seu apoio fundamental para o control da Vespa velutina.

Uso

Un técnico de Tragsatec fixo unha demostración práctica do uso destas pértegas e respondeu ás dúbidas dos técnicos de Protección Civil de Lousame, interesados en coñecer o uso dos novos equipos polo miúdo. Así mesmo, proporcionoulles interesantes consellos tanto no uso das pértegas coma no seu mantemento. Así, aconsellou aos técnicos que usen as polas das árbores para soster a pértega mentres van engadindo as extensións precisas para chegar ao niño, así como que procuren acometelo dende xusto debaixo do mesmo, para unha mellor inxección do insecticida.

Así mesmo, indicoulles que, unha vez inxectado o insecticida, agardasen uns vinte minutos antes de proceder á retirada do niño, para deixarlle facer efecto. Un tempo que, aconsellou, poden empregar cambiando o inxector do insecticida e colocando o raspador para a retirada do niño.